Está vostede en:Autnomos / COIDADO DE MENORES DOENTES

COIDADO DE MENORES DOENTES

PRESTACIÓN ECONÓMICA PARA O COIDADO DE MENORES AFECTADOS POR CANCRO OU OUTRA ENFERMIDADE GRAVE
 
“O 1 de agosto de 2011 entrou en vigor o Real decreto 1148/2011, do 29 de xullo, para aplicación e desenvolvemento en todos os Réximes do Sistema da Seguridade Social, da prestación económica para o coidado de menores afectados por cancro ou outra enfermidade grave. Poderán beneficiarse da protección social a través desta prestación os proxenitores biolóxicos, adoptantes ou acolledores que reduzan a súa xornada de traballo en, polo menos, o 50% para o coidado do menor ao seu cargo, afectado por cancro ou outra enfermidade grave que sufrise un ingreso hospitalario de longa duración pola dita enfermidade, e sempre que traballen os dous, estean afiliados e de  alta nalgún Réxime da Seguridade Social e acrediten os períodos mínimos de cotizacións esixibles en cada caso. Cando ambos os dous teñan dereito á prestación só se lle poderá recoñecer a un deles, aínda que se poderá alternar o percibo da prestación entre eles por períodos non inferiores ao mes”.

O Real decreto establece, en anexo, unha listaxe de 108 enfermidades consideradas graves para os efectos do recoñecemento da prestación. O Ministerio de Traballo e Inmigración poderá actualizar esta listaxe mediante Orde Ministerial.

Este subsidio ten por obxecto compensar a perda de ingresos que sofren os traballadores ao ter que reducir a súa xornada -coa conseguinte diminución do salario- pola necesidade de coidar de maneira directa, continua e permanente os fillos ou menores ao seu cargo, durante o tempo de hospitalización e tratamento continuado da enfermidade.

A xestión e o pagamento corresponderanlle á Mutua de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais ou á entidade xestora coa que o traballador teña cubertas as continxencias profesionais. Non obstante, cando a persoa traballadora non teña a cobertura dos riscos profesionais, será competente para a xestión da prestación a mutua ou entidade xestora que asuma a cobertura da incapacidade temporal por continxencias comúns. Se vostede é un traballador protexido por Mutua Gallega e se atopa na situación descrita anteriormente, pode solicitar nesta entidade a dita prestación. A continuación ten á súa disposición os Formularios de Solicitude:
 
  -Solicitude da prestación económica (PDF)   -Declaración de situación de actividade (PDF)  
  -Acordo entre os proxenitores (PDF)   -Declaración médica (PDF)  

A prestación económica, que dará cobertura só a un dos proxenitores, consistirá nun subsidio, de remuneración diaria, equivalente ao 100 por 100 da base reguladora establecida para a prestación por incapacidade temporal derivada de continxencias profesionais ou, se é o caso, a derivada de continxencias comúns, cando non optase pola cobertura das continxencias profesionais. O subsidio calcularase en proporción á porcentaxe en que se reduza a xornada laboral realizada, que deberá ser polo menos dun 50% da súa duración.O subsidio non inclúe o aboamento de cotización por calquera concepto.

Os requisitos para o acceso á prestación por coidado de fillos afectados de cancro ou outra enfermidade grave son os mesmos que para a prestación económica por maternidade contributiva: estar afiliado e de alta nalgún réxime do sistema da Seguridade Social e ter cuberto o período de cotización mínimo requirido. A prestación extinguirase cando cese a necesidade do coidado directo, continuo e permanente do menor ou cando este cumpra 18 anos.

O Real decreto 1148/2011, do 29 de xuño, non será de aplicación ao persoal funcionario incluído no ámbito de aplicación da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto Básico do Empregado Público, que se rexerá, para estes efectos, polo previsto na normativa específica da dita Lei, así como polo resto de normas de Función Pública que se diten en desenvolvemento desta. Non obstante, a Lei de Actualización, Adecuación e Modernización do Sistema de Seguridade Social establece na súa disposición derradeira segunda unha modificación do Estatuto Básico do Empregado Público (artigo 49, letra e) que lles garante aos pais funcionarios que se atopen nesta circunstancia a posibilidade de reducir a súa xornada sen minguar as súas retribucións e nas mesmas condicións ca o resto dos traballadores.

Para máis información, pode consultar a páxina da Seguridade Social.


Utilizamos cookies propias y de terceros para el correcto funcionamiento de la web y para mejorar nuestros servicios mediante el anlisis de sus hbitos de navegacin. Si contina navegando, consideramos que acepta su uso. Puede cambiar la configuracin u obtener ms informacin aqu. | OK