Está vostede en:Traballadores / Informacin Xeral / Por que unha Mutua?

Por que unha Mutua?

A alta na Seguridade Social, ou o aseguramento dos traballadores para os efectos das prestacións da Seguridade Social, é unha obriga que a lei lle impón ás empresas, e para iso a empresa pode elixir entre a Entidade xestora (INSS), ou unha Entidade colaboradora da Seguridade Social (unha mutua).

Se está vostede asegurado en Mutua Gallega é porque esa foi a opción da súa empresa para cubrir as prestacións de seguridade social derivadas do accidente de traballo e a enfermidade profesional, e é posible que tamén a prestación económica da incapacidade temporal da enfermidade común.

Mutua Gallega, entón, non é unha compañía de seguros, nin unha empresa de servizos que se mova no ámbito mercantil. Como todas as Mutuas colaboradoras coa Seguridad Social (esa é a denominación legal das mutuas), Mutua Gallega, é unha asociación de empresarios sen ánimo de lucro, constituída como entidade colaboradora coa Seguridade Social para actuar dentro do marco legal das prestacións que ten encomendadas, basicamente a través da Lei Xeral da Seguridade Social (Real decreto lexislativo 1/1994, do 20 de xuño) e o regulamento de colaboración das mutuas (RD 1993/1995, do 7 de decembro).

Deste xeito, as mutuas só poden actuar no ámbito das competencias que a lei lles encomenda; sen que poida existir ningunha diferenza entres as prestacións básicas que ofrecen unhas e outras, nin no custo que as devanditas prestacións representan para empresas e traballadores (que será sempre o importe das cotas que aboan as empresas ingresándoas todos os meses na Tesourería Xeral da Seguridade Social). A diferenza entre unhas e outras pode vir dada por outros factores, como son a experiencia acumulada, os medios dispoñibles, o trato e a información facilitada a empresas e traballadores, e, en xeral, o xeito de facer as cousas.

A experiencia do sector das mutuas no aseguramento de prestacións relacionadas coa continxencia profesional (o accidente de traballo e a enfermidade profesional) é moi dilatada no tempo, pois comeza mesmo antes da primeira Lei de Seguridade Social (de 1966), a raíz da publicación da Lei de Accidentes de Traballo no ano 1900. Agora ben, a experiencia de cada entidade ou mutua depende da súa propia práctica, ámbito territorial e do sector ou sectores de actividade que cobre. Mutua Gallega acumula unha grande experiencia e compromiso co territorio galego e cos sectores de actividade máis identificativos de Galicia, xa que a súa orixe máis remota sitúase na cidade de Vigo e no ano 1911 (somos a única mutua de orixe galega das 20 actualmente existentes en toda España, aínda que o noso ámbito xeográfico de actuación na actualidade é todo o territorio do Estado Español), de maneira que non pode haber dúbida da grande experiencia acumulada no coñecemento e a xestión das prestacións relacionadas co accidente de traballo e a enfermidade profesional, e máis aínda en certos eidos relacionados con sectores económicos tradicionais de Galicia.

Por outra parte, a experiencia na cobertura da continxencia común (enfermidade común e accidente non laboral) de todas as mutuas comeza o 1 de xaneiro de 1996, coa entrada en vigor do RD 1993/1995, do 7 de decembro, (Regulamento de Colaboración), que faculta os empresarios para asinar coa mutua que cobre a continxencia profesional dos seus traballadores, a opción para a cobertura da prestación económica da incapacidade temporal da continxencia común.

Desexamos que esta información lle sirva de axuda, e que coa súa confianza e colaboración poidamos mellorar as prestacións e servizos que ofrecemos. Non dubide en poñerse en contacto con nós se desexa máis información ou quere resolver algunha dúbida.

 


Utilizamos cookies propias y de terceros para el correcto funcionamiento de la web y para mejorar nuestros servicios mediante el anlisis de sus hbitos de navegacin. Si contina navegando, consideramos que acepta su uso. Puede cambiar la configuracin u obtener ms informacin aqu. | OK