Está vostede en:A nosa Mutua / Coberturas / Enfermidade Común

Enfermidade Común

Considérase ENFERMIDADE COMÚN aquela alteración da saúde que non teña a consideración de accidente de traballo nin enfermidade profesional, mentres que ACCIDENTE NON LABORAL será aquel que non teña a consideración de accidente de traballo (Artigo 158 do TRLGSS aprobado por RDL 8/2015).

 

No tocante á CONTINXENCIA COMÚN (enfermidade común e accidente non laboral) a mutua só cobre a prestación económica da incapacidade temporal ou situación na que o traballador recibe asistencia sanitaria da Seguridade Social e está impedido para o traballo (Artigo 169 do RDL 8/2015 polo que se aproba o TRLGSS), cunha duración máxima de trescentos sesenta e cinco días, prorrogables por outros cento oitenta días cando se presuma que durante eles o traballador pode ser dado de alta médica por curación.

A cobertura desta prestación polas mutuas ou entidades colaboradoras foi introducida a partir da entrada en vigor do RD 1993/1995, do 7 de decembro, e así, como complemento á cobertura das prestacións de Continxencias Profesionais, Mutua Gallega ofrece dende aquela aos seus asociados a posibilidade de concertar a xestión das prestacións económicas de Incapacidade Temporal por Continxencias Comúns dos seus traballadores; colaborando así coas empresas mutualistas na diminución do absentismo laboral por causa médica.

As competencias básicas que ten a mutua nesta materia consisten na concesión da prestación económica por incapacidade temporal derivada de continxencias comúns, na contía e demais condicións que resulte das normas aplicables e cando se dan unha serie de requisitos para a súa obtención, tratando de cubrir a falta de ingresos que se produce cando o traballador, debido a unha enfermidade ou accidente, está imposibilitado temporalmente para traballar e precisa asistencia sanitaria da Seguridade Social. Pero tamén nos corresponden os actos de denegación, suspensión e anulación da prestación, cando se dan as causas legais para isto.

Ademais a mutua exerce o control médico dos procesos de incapacidade temporal, a través do recoñecemento médico directo do traballador de baixa e a través da información médica facilitada por este ou polos Servizos Públicos de Saúde; o que lle permite, coa experiencia dos nosos facultativos e o coñecemento dos requirimentos do posto de traballo, propoñer de forma motivada ao Servizo Público ou á Entidade Xestora a alta do paciente cando se produce unha suficiente recuperación da capacidade laboral, evitando así demoras innecesarias na reincorporación á actividade da empresa; ou ben propoñer o inicio de expediente de incapacidade permanente se se dan as circunstancias que o aconsellen.

Para os efectos de conseguir a máxima eficacia posible no control médico da duración dos procesos e para a mellor motivación das propostas, podemos tamén, en determinadas condicións legais e presupostarias, anticipar probas, consultas ou tratamentos médicos que sexan necesarios.


Utilizamos cookies propias y de terceros para el correcto funcionamiento de la web y para mejorar nuestros servicios mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede cambiar la configuración u obtener más información aquí. | OK