Está vostede en:A nosa Mutua / Coberturas / Empregados do fogar

Empregados do fogar

Con efectos do 1 de xaneiro de 2012 intégrase o Réxime Especial de Empregados de Fogar no Réxime Xeral da Seguridade Social mediante a creación do Sistema Especial para Empregados do Fogar, consonte o disposto na Disposición Adicional Trixésimo Novena da Lei 27/2011 do 1 de agosto.

 

1.- INSCRICIÓN E AFILIACIÓN, ALTAS E BAIXAS

As altas de empregados de fogar no Sistema Especial para Empregados de Fogar deberán realizarse con carácter previo ao inicio da actividade e para iso o empregador debe solicitar un código conta de cotización dentro deste Sistema Especial.

No momento de solicitar a súa inscrición como empresa, os cabezas de familia ou titulares do fogar familiar que teñan empregados de fogar ao seu servizo, deberán facer constar a entidade xestora ou mutua pola que opten para a protección das continxencias de accidente de traballo e enfermidades profesionais respecto daqueles.

As baixas deberán comunicarse dentro dos seis días naturais seguintes .

· Particularidade: De acordo co disposto no artigo 2 do Real Decreto-Lei 29/2012 do 28 de decembro, con efectos do 1 de abril de 2013 os traballadores incluídos no Sistema Especial para Empregados de Fogar establecido no Réxime Xeral da Seguridade Social que prestan os seus servizos durante menos de 60 horas mensuais por empregador deberán formular directamente a súa afiliación, altas, baixas e variacións de datos cando así o acorden con tales empregadores; non obstante, estes últimos poderán presentar a solicitude de baixa en caso de extinción da relación laboral.

Nestes supostos os traballadores deberán formalizar a cobertura das continxencias profesionais coa entidade xestora ou mutua da súa elección, agás que os seus empregadores xa tivesen aseguradas as ditas continxencias respecto a outros empregados incluídos neste Sistema Especial, en cuxo caso, a citada cobertura corresponderíalle á entidade xestora ou mutua elixida polo titular do fogar familiar.

 

2.- COTIZACIÓN

Correspóndelle ao empregador o ingreso das cotas no Sistema Especial dos Empregados do Fogar, e deberase facer efectivo mediante domiciliación bancaria (non se deberá cubrir, polo tanto, ningún boletín de cotización).

· Particularidade: Con efectos do 1 de abril de 2013 o empregado de fogar que preste os seus servizos durante menos de 60 horas mensuais por empregador e que acorde con este último a asunción das obrigas en materia de encadramento no Sistema Especial, será suxeito responsable do cumprimento da obriga de cotizar ao dito Sistema, e debe ingresar a aportación propia e a correspondente ao empregador, tanto por continxencia común como por continxencia profesional.

 

3.- ACCIÓN PROTECTORA

A partir do 1 de xaneiro de 2012 as prestacións causadas polos empregados de fogar faranse efectivas nos mesmos termos e condicións que as establecidas para o Réxime Xeral con algunhas peculiaridades:

A.- Incapacidade Temporal por Continxencias Comúns:

O empregado de fogar percibirá o subsidio por Incapacidade Temporal dende o cuarto día da baixa no traballo, e correspóndelle ao empregador o pagamento dese día ata o oitavo, ambos os dous inclusive (non existe dereito a esta prestación nos tres primeiros días de baixa por continxencia común).

A partir do noveno día da baixa será aboado pola entidade xestora ou mutua que o empregador escollese para cubrir a xestión da Incapacidade Temporal por continxencia común (pagamento de subsidio, e control e seguimento médico do estado de saúde do empregado do fogar), non procedendo polo tanto o pagamento delegado do subsidio.

B.- Desemprego.

A acción protectora do Sistema Especial para Empregados de Fogar non comprenderá  a correspondente ao desemprego.

C.- Continxencias Profesionais.

O Real decreto 1596/2011, do 4 de novembro, polo que se desenvolve a Disposición Adicional Quincuaxésima terceira da Lei Xeral da Seguridade Social fai extensiva a acción protectora por continxencias profesionais aos traballadores incluídos no Réxime Especial de 1994 da Seguridade Social dos Empregados de Fogar.

Polas continxencias indicadas (accidente de traballo e enfermidade profesional) recoñeceranse as prestacións que para estas estean previstas no Réxime Xeral, nos termos e condicións que se establecen no Real decreto 1596/2011 do 4 de novembro:

1.      Concepto de accidente de traballo e enfermidade profesional: Son os establecidos respectivamente nos artigos 156 e 157 da Lei Xeral da Seguridade Social, para o Réxime Xeral.

2.      Alcance da acción protectora derivada de accidente de traballo e enfermidade profesional: Os empregados de fogar, e se é o caso, os seus familiares, terán dereito á prestacións seguintes:

a.     Asistencia sanitaria

b.    Recuperación profesional

c.     Subsidio de incapacidade temporal

d.    Prestacións por incapacidade permanente

e.     Prestacións por morte e supervivencia

f.      Indemnizacións a tanto alzado por lesións permanentes non invalidantes derivadas de accidente de traballo e enfermidade profesional.

O recoñecemento do dereito e pagamento das prestacións derivadas de continxencias profesionais levaranse a cabo en iguais termos e nas mesmas condicións que no Réxime Xeral, pola entidade xestora ou pola mutua coa que se formalizase a cobertura de tales continxencias.

3.      Condicións de acceso ás prestacións: Será requisito imprescindible para o recoñecemento e pagamento das prestacións derivadas das continxencias profesionais, que se cumpran as obrigas en materia de afiliación e alta neste Réxime Especial:

a.     Non obstante, cando o titular do fogar familiar incumprise estas obrigas (afiliación, alta ou cotización) recoñeceranse as prestacións económicas derivadas de continxencias profesionais que lle correspondan, con independencia da esixencia de responsabilidade en canto ao pagamento da cotización e sancións que se deriven.

b.    Se o obrigado é o propio traballador impedirá o acceso ás prestacións; no obstante se o empregado do fogar cumpriu tales obrigas pero non se encontra ao corrente no pagamento das cotas, será de aplicación o mecanismo de invitación ao pagamento.

4.      Prestación por risco durante o embarazo e por risco durante a lactación natural: A prestación recoñécese nos mesmos termos que aos traballadores do Réxime Xeral (Real decreto 295/2009 do 6 de marzo).

 

4.- REGULACIÓN DA RELACIÓN LABORAL DE CARÁCTER ESPECIAL.

A Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do Sistema de Seguridade Social procede na súa Disposición Adicional Trixésimo novena a integrar o Réxime Especial da Seguridade Social dos Empregados de Fogar no Réxime Xeral da Seguridade Social, habilitando ao Goberno a modificar en consonancia con esta integración, a regulación da relación laboral de carácter especial do servizo do fogar familiar, e con este fin ditouse o Real decreto 1620/2011, do 14 de novembro, polo que se establece a regulación laboral de Carácter Especial do Servizo do Fogar Familiar (obxecto e ámbito de aplicación, exclusións, fontes da relación laboral, ingreso ao traballo, forma de contrato, dereitos e deberes, retribucións, tipo de traballo, conservación do contrato de empregados de fogar, extinción do contrato, etc.). O dito Real decreto derroga expresamente o Real decreto 1424/85, do 1 de agosto, polo que se regulaba a relación laboral de carácter especial do Servizo do Fogar Familiar.

 

 


Utilizamos cookies propias y de terceros para el correcto funcionamiento de la web y para mejorar nuestros servicios mediante el anlisis de sus hbitos de navegacin. Si contina navegando, consideramos que acepta su uso. Puede cambiar la configuracin u obtener ms informacin aqu. | OK